RUTAS DE SENDEiRISMO


SAN BARTOLO A MOSQUETÍN

1. SAN BARTOLO.

Sobre un destacado outeiro situado a 408 m sobre o nivel do mar e que constitúe un referente visual para case todo o municipio temos unha pequena ermida adicada a San Bartolo, un dos doce apóstolos. Da vida deste santo non sabemos case nada, só que predicou polas terras de Asia e morreu mártir séndolle arrincada a pel e decapitado posteriormente.
A ermida é moi sinxela, con planta de salón e sen case ningún elemento que nos indique a súa época de construcción. Sen embargo sabemos por documentación parroquial que en 1681 a capelanía do santo é fundada por Juan Miñones Moreira, veciño de Carnés, e Amaro Pose de Ponte do Porto. No seu interior había orixinariamente unha imaxe de San Bartolo, pero dado o illamento do edificio levouse para a Igrexa parroquial de Salto, que se atopa preto do lugar de Castro. Temos outra imaxe do santo no lado leste da capela, pero debido á mala conservación da figura case non distinguimos os seus atributos.
Subir


As representacións máis correntes mostran a San Bartolo cunha palma nunha man, sinal de que foi mártir, ou un libro, posto que se lle atribúe a autoría dun evanxeo apócrifo. Ademais é frecuente que leve ó lombo a pel que lle foi arrincada no seu martirio, a espada ou o puñal con que lle quitaron a pel e en ocasións aparece cun pé sobre o demo ou algún monstro simbolizando a súa victoria sobre o pecado.
Esto último pode xustificar o feito de que sexa frecuente a construcción de santuarios a San Bartolo en cumios destacados, xa que a tradición popular ten identificado os territorios rochosos e non aptos para o cultivo como lugares onde se manifesta o demo.
Ademais o santo ten atribucións específicas como protexer da sarabia, as treboadas, curar os males de garganta,...
Dende o cumio temos unha excelente vista panorámica de todo o Val de Vimianzo ó pé da ladeira leste e do val de Salto no lado oeste.

Vista do val dende San Bartolo. Ver foto ampliada. Capela de San Bartolo. Ver foto ampliada.
Subir

2. ALDEA DE CASTRO.

Aldea pertencente á parroquia de Salto. Está ubicada na ladeira e ó pé dun castro, o que nos está a falar da antigüidade deste núcleo.
A cultura dos castros desenvolveuse na chamada Idade de Ferro, aproximadamente entre o 750 a.C. e o século V d.C. Esencialmente un castro é un lugar onde vivían as xentes desta época. Soen situarse en lugares altos dende onde se domina un amplo territorio e rodéanse dunha serie de estructuras como murallas e terrazas que facilitan a súa defensa en caso de ataque. A cultura castrexa supón xa unha organización complexa do territorio que podemos situar como precedente da organización parroquial. O castro actualmente atópase moi cuberto pola vexetación pero conserva aínda boa parte das súas estructuras defensivas e pódese distinguir a posible entrada ó recinto.
Subir


A xente que vivía nos castros tiña unha sociedade xerarquizada, na que destacaba a presencia dunha elite guerreira. O seu medio de subsistencia baseábase na agricultura.
Actualmente a disposición das casas no lugar de Castro é a característica dunha aldea galega, aproveitando ó máximo a terra cultivable.
Chama a atención a situación dos cabazos, que se orientan en sentido contrario ás casas para aproveitar os ventos dominantes. Tamén é característico desta zona a existencia de colmeas nas paredes das casas.
Idealización dun castro. Ver foto ampliada.
Vida cotidiana nun castro. Ver foto ampliada. Muíño de man. Ver foto ampliada.
Subir

3. PEDRA CUBERTA.

Este dolmen é un dos referentes arqueolóxicos de Vimianzo. Foi estudiado polo arqueólogo alemán G. Leisner en 1934. No interior atopou unhas pinturas que no seu momento foron consideradas entre as máis importantes de Europa.
Os dolmens son xeralmente tumbas de carácter colectivo, ou sexa, concibidas para o enterramento dun grupo de persoas. A súa cronoloxía establécese aproximadamente entre o 4000 e o 1900 a.C.
Trátase de estructuras complexas nas que se soen distinguir varias partes:

Unha estructura formada por grandes bloques de pedra formando un recinto cerrado por arriba e polos lados que soe recibir o nome de anta pero tamén casota, casiña, ou dolmen.
A anta soe ir cuberta por unha capa de terra e despois por outra de pedras máis miúdas que constituirían a coraza. O paso do tempo fai que o megalito se vaia cubrindo de vexetación e terra, ocultando a estructura orixinal pero deixando un pequeno montículo con forma cónica que se denomina popularmente mámoa. Este termo provén do latín mammula, que ben a ser peito de muller, e pasou a designar tamén este tipo de estructuras pola similitude da forma.
Subir


Con frecuencia na parte superior da mámoa aparecerá unha pequena concavidade froito das escavacións furtivas que se teñen feito dende época inmemorial en case tódolos monumentos en busca de tesouros.
A época na que se construíron os megalitos coñécese como neolítico e supón o paso dunha sociedade que vivía basicamente da caza e da recolección a outra na que se comezan a domesticar plantas e animais. Esto permitirá unha maior planificación e un progresivo control sobre os medios de subsistencia.
A erección destas obras arquitectónicas monumentais supón un elevado investimento de tempo e esforzo físico. Esta circunstancia revélanos a importancia que tiña o mundo da morte entre estas sociedades e a probable existencia de crenzas nunha vida ultraterrea. A última idea vese reforzada polo feito de que no interior aparezan enxovais, que algunhas cámaras estean recubertas de pinturas (como neste caso), ou que nas entradas se teñan atopado ídolos con forma antropomorfa.

Pinturas no dolmen de Pedra Cuberta. Ver foto ampliada. Dolmen de Pedra Cuberta. Ver foto ampliada.
Subir

4. NECRÓPOLIS DE TINES.

Nos anos 50, coas obras de construcción do actual cemiterio da igrexa parroquial de Tines, comezaron a aparecer restos de pedras de aparente antigüidade. Ata aquí desprazouse o arqueólogo Chamoso Lamas que iniciou unhas escavacións nas que apareceron sartegos, muíños e basas de columnas de época tardorromana ou sueva.
A existencia destes restos revelaba a presencia dun núcleo de poboación en época romana, probablemente dunha villa, é dicir, unha explotación de carácter agrícola propiedade dun rico potentado romano. Nelas normalmente estaba a residencia do propietario que dispoñía de todo tipo de luxos e comodidades como auga corrente, calefacción, saunas... As Villae medrarán en moitos casos dando lugar a núcleos de poboación máis importantes. O que temos en Tines probablemente é o cemiterio dun destes núcleos que curiosamente coincide co camposanto actual.
Sobre a presencia doutros restos romanos nas inmediacións non temos case referencias, excepto as que nos ofrece a toponimia como o cercano lugar de Romarís ou a aldea e castro de Roma no veciño concello de Zas.
Subir


Tamén debemos destacar a igrexa parroquial, que sufrirá diversas reformas e engadidos ó longo do tempo sendo a parte máis antiga a ábsida, que estilisticamente corresponde ó románico da segunda metade do s. XII. O resto da construcción corresponde xa ó s. XVIII excepto a espadana, que é do XIX. Parece que antigamente existiu tamén aquí unha pequena capela chamada da Ermida Vella adicada á Virxe das Dores. Este pequeno edificio erguíase ó leste da actual igrexa parroquial e estaba separado desta pero foi desmantelado e posteriormente engadido como presbiterio ó muro sur da igrexa.
Por último podemos sinalar dous cruceiros que se atopan no adro e no cemiterio. O primeiro conserva un altar utilizado comunmente para colocar os cadaleitos durante a cerimonia do enterro e no segundo pódense observar as figuras de Cristo sendo descravado por San Francisco e da Virxe María.

Necrópole de Tines. Ver foto ampliada.
Subir

5. CRUCEIROS DE PAZOS E DOS SANTOS.

O seguinte tramo do roteiro discorre entre a aldea de Pazos e o Cruceiro dos Santos, polo antigo Camiño Real que unía A Piroga con Ponte Olveira.
O cruceiro de Pazos divide a parroquia do mesmo nome en dúas partes que pertencen a concellos distintos (Zas e Vimianzo). Nel pódese ver a Cristo crucificado por unha cara e á Virxe en actitude orante pola outra.
O cruceiro máis interesante dos dous é o dos Santos. Trátase dun dos máis antigos de Galicia. Xosé María Lema Suárez, un dos maiores coñecedores da Historia e a cultura da terra de Soneira dátao polo século XIII, máis ou menos na época en que se comezaron a levantar os primeiros cruceiros. A situación da cruz é bastante típica xa que se atopa nunha encrucillada do antigo Camiño Real. Deste camiño xa case non quedan restos debido á concentración parcelaria, pero aínda se poden percibir testemuños do seu percorrido. Por exemplo un pouco máis ó norte, na aldea de Cheis, temos outro cruceiro que marcaba orixinariamente o paso deste roteiro.
Subir


A iconografía do Cruceiro dos Santos é pouco frecuente xa que no reverso da cruz aparece unha representación da Trinidade, co Pai, o Fillo e o Espírito Santo (en forma de pomba), que apenas ten paralelos coñecidos. Ó pe de Deus aparece unha figura cunha especie de báculo que podería ser Xosé de Arimatea ou Santiago Peregrino.

Cruceiro dos Santos. Ver foto ampliada. Cruceiro de Pazos. Ver foto ampliada.

6. BATÁNS DE MOSQUETÍN.

Estamos ante un interesante enclave de gran valor natural e etnográfico. Trátase dun conxunto de muíños e batáns construídos á beira do Río Grande e que aproveitan a forza da auga para moer o millo e para mazar a la. Non coñecemos a data de construcción destes edificios, pero sabemos que a mediados do século XVIII xa estaban en pe, posto que aparecen mencionados no Catastro de Ensenada (1753).
Subir


Os batáns apareceron en Europa durante a Idade Media. Trátase de construccións nas que por medio duns mecanismos denominados folóns, baseados no aproveitamento da enerxía hidráulica, se bate o tecido ata conseguir unha peza compacta que ofrece unha mellor resistencia fronte ó frío e a chuvia.
O conxunto do Mosquetín componse de dous edificios. No que está máis preto do río temos só muíños e no outro hai muíños e batáns. Están construídos a unha altitude superior á do río que pasa a carón, así que para o seu funcionamento foi necesaria a construcción dunha represa dende a que se canalizou a auga, que debía mover os rodicios e facer traballar os folóns.
Estes muíños e batáns atopábanse a finais dos anos 80 en estado ruinoso, así que a Deputación da Coruña decidiu adquirilos e no ano 1997 emprendeu unha restauración dos edificios e do entorno que hoxe pode considerarse modélica. Actualmente os muíños e batáns son visitables e ademais é posible ver o seu funcionamento.

Esquema dun Batán. Ver foto ampliada. Pranta dos Batáns de Mosquetín. Ver foto ampliada.
Batáns de Mosquetín. Ver foto ampliada. Interior dun Batán. Ver foto ampliada.
Subir

VIMIANZO TERRA E MAR

1. LAGUNA DE TRABA. (punto de partida)

A Lagoa de Traba é un lugar de grande interese por ser un espacio ecolóxico de incalculable valor, cunha extensión aproximada de dous quilómetros. Segundo unha lenda, nesta lagoa existe unha vila asolagada chamada Valverde. Está practicamente rodeada por un denso carrizal, tamén hai espadanas e unha xunqueira.
En canto á fauna, atopan refuxio aves como a galiña de río, o rascón de auga e a fulepa unicolor, e aves invernais que a visitan: pilro americano, bilurico patiamarelo pequeno, gaivota chorona americana, gaivota de Bonaparte, carrán fosco, galiñola pinta, galiñola pequena, galiñola común, abetouro americano e escribenta das canaveiras. Abundan tamén sollas e vense pegadas de coellos e ocasionalmente de raposo e lontra.
Dende esta fermosa paraxe partimos, bordeando a costa, cara a pequena parte de mar que ten o concello de Vimianzo.

Ver foto ampliada. Ver foto ampliada.
Subir

2. SABADELLE.

O primeiro que atopamos ó adentrarnos no concello de Vimianzo é o Coído da Señora, que recibe este nome porque antigamente, cando o mar estaba picado, o único porto que deixaba atracar os barcos era este. Neste lugar poderemos contemplar nas pedras algunhas das pintadas que o Alemán de Camelle deixou na súa visita a esta zona.
A punta de terra que se adentra no mar, chamada Punta de Sopena, divide os coídos da Señora e de Sabadelle. Un lugar axeitado para xantar é a paraxe coñecida como As Botoreiras.
En Sabadelle (Calo) poderemos visita-las derruídas casas, deshabitadas dende hai moitos anos. De alí foi veciño no século XVII o segundo mellor prateiro de Galicia, Gregorio de Lema. Este xoieiro tiña un solar neste lugariño, onde lle pertencía unha casa que os vellos denominaban Casa do Conde.
Na nosa subida cara a Braña da Herba poderemos contemplar algo curioso: nesta zona medran madroños.

CMar de Sabadelle. Ver foto ampliada. Casa de Gregorio de Lema. Ver foto ampliada.
Subir

3. VILA PURIFICACIÓN E HÓRREO.

Casa de dous pisos de estilo barroco de finais do século XVIII, propiedade de don José Trillo. Presenta unha planta en forma de “L”. No alzado posterior destaca unha escaleira de pedra que comunica directamente co piso superior. Os balaústres de pedra da escaleira, de boa labra, son de estilo compostelán.
Os materiais seguen a ser a pedra en forma de perpiaños nos esquinais e nos vans, e de cachotes nos panos. Nesta casa cobrábanse os chamados foros de tódolos arredores, o cal explica o tamaño do cabazo que se atopa dentro da leira, que conta con dezanove pares de pés, sendo o terceiro máis grande de Galicia. Aquí tamén podemos atopar un pombal de planta circular.


Cabazo de Vila Purificación. Ver foto ampliada. Panorámica de Cereixo. Ver foto ampliada.
Subir

4. MOLINO.

Data do século XVII. Ten dimensións adecuadas para desempeñar funcións de muíño e vivenda. A súa planta é rectangular, con cuberta a dúas augas na que se abren tres elementos abufardados. A entrada realízase polos lados curtos do volume, que queda unido á terra por dúas pasarelas. Pertencía ó afamado coreógrafo Rei de Viana, que contaba cun pergamiño que databa a construcción do muíño no ano 1679, sendo o principal dos que posuía o feudo dos Moscoso e Altamira. Con posterioridade pertenceu á Condesa da Torre, pero antes disto o muíño era cedido mediante foro a familias de campesiños que o explotaban e residían nel.

Río Grande. Ver foto ampliada.
Subir

5. IGREXIA.

Data do século XII e é de estilo románico. Este templo foi posiblemente un lugar de parada dos peregrinos que chegaban por mar ó porto de Cereixo e se dirixían a pé a Santiago. Presenta nave única e capela rectangular. Soportando o beirado dispóñense unha serie de canaliños que presentan diferentes formas, temas e motivos. Estas imaxes plasman vicios e pecados, advertindo ó fiel que era indigno de entrar no espacio sagrado do interior do templo se caera en pecado ou cometera algunha impureza.
No lado sur ábrese unha interesante porta románica onde cabe destacar unha creación única no románico de toda España: a representación do traslado dos restos de Santiago nunha barca, acompañado polos seus sete discípulos.

Portada da Igrexia de Cereixo. Ver foto ampliada.
Subir

6. TORRES DE CEREIXO.

Datan do século XVI. Actualmente pertencen a don Santiago Fernández Puentes e é empregada como residencia.
Presenta dúas torres de planta cadrada unidas por un corpo rectangular máis baixo. No interior existe unha árbore (un magnolio) tan antiga como o edificio. O material que predomina nesta construcción é a pedra.
O escudo está vinculado ós condes de Maceda e Taboada, no que se representan as armas dos Bermúdez, Novoa, Castro, Soutomaior, Mendoza e Villamaría, entre outros. Nas outras fachadas aparecen tres escudos, máis sinxelos, vinculados ás liñaxes máis antigas da casa: Moscoso, Carantoña, Caamaño, Guisamonde e Montenegro.

Torres de Cereixo. Ver foto ampliada.
   
MENÚ QUe VER