Ao longo do ano organízanse dúas viaxes, unha delas pola Comunidade Autónoma coa intención de coñecer e visitar os lugares máis emblemáticos de Galicia, combinando estas visitas con xornadas de termalismo. Nestes últimos anos visitamos lugares como A Toxa, O Grove, Cambados, Ourense, Allariz, Celanova, Laias...
A outra viaxe organizada ten como obxectivo percorrer España e Portugal, estas viaxes acostuman durar entre 5 e 6 días. Dende o Concello de Vimianzo, a través destas viaxes, xa visitamos cidades e lugares como Madrid, Salamanca, Cáceres, Sevilla, San Sebastián, Barcelona, a Costa do Sol, Barcelona, Gran Canaria, Lisboa,...
Baile social: Esta actividade está destinada principalmente para as persoas maiores de toda a Comarca, e ten lugar no Restaurante Pastoriza de Vimianzo. A tempada de baile transcorre dende outubro ata xuño.
Xantar dos nosos maiores: xantar que se organiza para todos/as veciños e veciñas das 14 parroquias de Vimianzo, maiores de 60 anos e que se celebra anualmente o último sábado de abril.
Alfabetización de adultos: trátase dun taller de aprendizaxe e recuperación da capacidade lecto-escritura para maiores.
Talleres de psicoestimulación cognitiva: desenvólvense actividades de activación mental e adestramento da memoria para persoas maiores de 50 anos.
Promoción da igualdade: desenvolvemento de actividades ao longo de todo o ano, para a mellora dos niveis de igualdade entre mulleres e homes de Vimianzo e para paliar os déficits que as mulleres seguen tendo en relación á súa participación na vida social, cultural e económica do concello. Destacamos a celebración dos días 24 de novembro “Día internacional contra a violencia de Xénero” e do 8 de marzo “Día internacional da Muller”.
Curso de español para inmigrantes: trátase dun curso de aprendizaxe das linguas da sociedade de acollida para que todas as persoas inmigrantes se familiaricen coa nosa lingua.
Cea anual de Servizos Sociais: anualmente organízase unha cea para todos os veciños e veciñas que participaron nas diferentes actividades de ocio organizadas por esta área (viaxes, excursións, ...)