Patrimonio de Vimianzo
21 de novembro de 2017
Patrimonio de Vimianzo
Compartir:

IGREXA DE SAN MARTIÑO DE CARANTOÑA

Enderezo:

Carantoña - Vimianzo (A Coruña)

Parroquia: Carantoña

Advocación
: San Martiño

Cronoloxía
: Medieval e Século XX

Estilo:
Ecléctico


A igrexa de San Martiño de Carantoña combina unha antiga construción medieval cunha ampliación moderna que asoballa á orixinaria pola súa magnitude. A nave central é rectangular e foi construída no século XX. Presenta unhas características moi sinxelas.

As dúas construcións distínguense claramente desde o seu exterior. Aparte de polo volume, polo seu acabado exterior, xa que a parte medieval está construída en perpiaño e a actual atópase recebada e pintada en branco. Da parte máis antiga consérvase a espadana lateral a modo de torre erguida sobre unha base rectangular rematada por unha cornixa que chega á altura do cume do testeiro da igrexa, pegada a ela no lateral dereito. Sobre ésta, un arco de medio punto sobre machóns acolle a campá. Remata a dúas augas e o coroa un acroterio moldurado cunha cruz. As sucesivas e inadecuadas reformas que foi sufrindo esta igrexa fixeron que diminuíse o seu interese artístico. O templo está rodeado dun adro moi estreito.


Case pegada a parte oeste do adro parroquial atópase unha vella casa en ruínas, o último vestixio no que noutrora foi o pazo de Carantoña. Trátase dunha casa de paredes feitas de cachotería ou de cantaría moi ruda, que conserva os seus vellos escudos, situados un enriba doutro. O primeiro señor desta casa foi Fernán Álvarez de Carantoña, que a finais do século XV figura como capitán das tropas do I Conde de Altamira, Lopo Sánchez de Moscoso. Don Fernán entroncaría cos seus señores ao casar con dona Urraca Sánchez de Moscoso. 


BIBLIOGRAFÍA

LEMA SUÁREZ, XOSÉ M.; A ARTE RELIXIOSA NA TERRA DE SONEIRA. EDIT. FUNDACIÓN UNIVERSITARIA CULTURA. 1993

SORALUCE BLOND, JOSE RAMÓN; FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ, XOSÉ; ARQUITECTURA DA PROVINCIA DA CORUÑA . DIPUTACIÓN PROVINCIAL DE A CORUÑA.


Carantoña - Vimianzo (A Coruña)

Praza do Concello, 6, Vimianzo (A Coruña) CP 15 129. Tfno: 981716001. Fax 981 716 650.

Concello de Vimianzo
Deputación provincial da Coruña