Patrimonio de Vimianzo
21 de novembro de 2017
Patrimonio de Vimianzo
Compartir:

IGREXA DE SAN VICENZO DE VIMIANZO

Enderezo:

Vimianzo - Vimianzo (A Coruña)

Igrexa de San Vicenzo de Vimianzo

Parroquia: Vimianzo
Advocación
: San Vicenzo
Cronoloxía
: séculos XIX e XX
Estilo
: Ecléctico


A igrexa de Vimianzo sufriu unha remodelación total no ano 1966 cando, por iniciativa do párroco Manuel Arjomil, se lle dá “volta” ao edificio. Cámbiase a orientación canóniga tradicional (cabeceira cara ao leste, cara a Xerusalem) e fachada cara ao oeste, por unha única motivación estética: que a fachada mirase cara á praza principal da vila.

Do antigo templo só se conserva a capela lateral norte e a metade inferior dos muros norte. E posiblemente a torre-campanario antiga fose trasladada pedra a pedra ou reproducida fielmente no lado oposto ao orixinal.

Érguese de nova planta a fachada e amplíase a nave, dándolle unha nova cuberta. A ábsida do edificio anterior era rectangular e tiña o mesmo ancho que a nave.

A antiga capela maior foi construída entre 1829 e 1832 polo mestre arquitecto José Francisco Núñez, que tamén se ocupou da construción da capela norte e da sacristía. A torre-campanario antiga era practicamente igual a actual e foi levantada polo canteiro Manuel Núñez.

Estilisticamente, a fachada pódese encadrar dentro do Eclecticismo de mediados do século XX, xa que contén trazos de varios estilos: do Románico (arco de medio punto na porta) e do Gótico (rosetón central, vidreiras e pilastras).


Igrexa de San Vicenzo de Vimianzo

A antiga igrexa tiña un retablo Barroco da segunda metade do século XVIII do que só queda o sagrario (conservado na sacristía). En 1966 retiráronse as imaxes antigas, a maior parte barrocas e neoclásicas de finais do XVIII, e substituíronse por outras novas: San Vicenzo, Virxe do Carme, Santo Antón, San Brais, San Roque e o Sagrado Corazón. O grande crucifixo do presbiterio data do 1975. Do século XVIII só se conserva para o culto a Virxe do Rosario.  
   
A escultura de maior interese artístico é o chamado Cristo da Botica, obra ecléctica do século XIX, que foi unha doazón da familia Balseiro Pose, de Vimianzo. Trátase dun Cristo xacente (a única imaxe deste tipo na comarca) que está colocado dentro dunha furna funeraria de madeira e vidro.

Recentemente, no 2013, dous ebanistas de Vimianzo, Manuel García e Daniel Aguilar, realizaron un novo retablo de tres arcos para cubrir o espazo semicircular da ábsida, que até entón estaba sen ningún tipo de ornamentación. A parte máis alta do retablo ten 8,5 m de alto e 10 m de ancho. O Cristo Crucificado (que xa se atopaba na igrexa) preside o arco principal; e nos outros dous atópanse as imaxes da Nosa Señora das Dores (que conta cunha grande devoción na parroquia) e a de San Xoán. No exterior, sobre a porta principal, colocouse tamén no 2013 unha imaxe de pedra do patrón San Vicenzo, obra do escultor vimiancés Xesús Fuentes Canosa.







Bibliografía:


LEMA SUÁREZ, X.Mª (1993): A Arte Relixiosa na Terra de Soneira; t. I; Fundación Universitaria de Cultura; Santiago.

LEMA SUÁREZ, X.Mª e R. MOUZO LAVANDEIRA (1998): O castelo de Vimianzo e os Moscoso de Altamira; Deputación da Coruña, A Coruña.

LEMA SUÁREZ, X. Mª (coord. e dir.) et alii (2010): A Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte; Edicións Xerais de Galicia, Vigo.


Vimianzo - Vimianzo (A Coruña)

Praza do Concello, 6, Vimianzo (A Coruña) CP 15 129. Tfno: 981716001. Fax 981 716 650.

Concello de Vimianzo
Deputación provincial da Coruña