Patrimonio de Vimianzo
20 de novembro de 2017
Patrimonio de Vimianzo
Compartir:

IGREXA DE SANTO AMEDIO DE BAMIRO

Enderezo:

Bamiro - Vimianzo (A Coruña)

Parroquia: Bamiro
Advocación: Santo Amedio
Cronoloxía: século XVIII
Estilo: Barroco


Esta igrexa presenta unha planta de salón moi simple formada por unha capela maior ou presbiterio rectangular e unha nave tamén rectangular. A sancristía construíuse apegada ao muro leste do presbiterio. O máis destacado dende o punto de vista arquitectónico é o campanario, que marca o eixo vertical da fachada. A torre-campanario segue as liñas barrocas, con placas no arranque da torre,  fustes escavados das pilastras, entaboamento partido.




Retablos e Imaxes

O retablo maior é unha obra de estilo neoclásico, que foi realizada en 1799 por Xoán Martínez Ribera, un escultor de Portomouro (Val do Dubra) fillo de Ignacio de Troitosende. Está presidido pola imaxe do patrón, santo Amedio, vestido con túnica curta e manto propios dos seglares. Presenta os símbolos do seu martirio: un tridente e as tripas, unha imaxe barroca anónima do século XVIII.
Á dereita hai unha imaxe da Virxe das Dores que pertencería orixinariamente ao desaparecido retablo do muro sur da nave da súa propia advocación. Viste túnica marrón e pesado manto negro, o hábito das viúvas, e atópase cos brazos sobre o peito en actitude de sufrir moita dor. É unha obra anónima de 1778, que responde a un estilo de transición entre o barroco e o neoclásico.
Á esquerda aparece unha imaxe de san Xosé: de idade madura e con barba, que leva nunha man a vara florida e na outra ao Neno espido. Data de finais do século XVIII e tamén é unha figura de transición entre o barroco (pregas acartoadas e moi marcadas que provocan xogos lumínicos, liñas opostas na mirada…) e o neoclásico (rostro sereno, corpos inclinados de maneira oposta creando o efecto do contraposto…).
No panel exterior, á esquerda pódese ver a santo Antón, con hábito franciscano e o Neno en brazos. É unha imaxe barroca de finais do século XVIII onde se aprecia a influencia do círculo de escultores composteláns Gambino e Ferreiro. Á dereita atópase a imaxe de san Roque, vestido de peregrino noble, con túnica e capa con esclavina. As vieiras simbolizan a peregrinaxe a Compostela e as chaves cruzadas no frontal do sombreiro, cara Roma. Data de finais do século XVIII ou comezos do XIX, e podería pertencer ao mesmo autor que a de santo Antón, xa que presentan características similares.
Diante do retablo, á dereita, está a Virxe do Rosario, unha imaxe de transición entre os dous estilos datada entre finais do século XVIII e comezos do XX. Sobre un trono de nubes no que asoman dous anxos, viste túnica e manto que lle envolve o brazo, que estira para ofrecer un rosario mentras que na man esquerda sostén ao Neno que se volve cara o fiel.
O retablo da Virxe do Carme sitúase no muro norte. Trátase dunha obra barroco-rococó, de finais do século XVIII, que podería pertencer ao escultor Francisco Castro Agudín (de Sandrexo), xa que é similar a dos retablos laterais de Tines, parroquial matriz de Bamiro. No panel central hai unha pequena imaxe da Virxe do Carme, co hábito marrón da orde carmelita que sostén ao neno Xesús, sobre un relevo que representa as ánimas penando entre chamas do purgatorio. Á esquerda temos unha imaxe de santo Antón, barroca do século XVIII, con hábito franciscano e o Neno en brazos. Á dereita atópase un relevo de notable bulto que representa ao apóstolo san Tomé, figura tamén barroca do século XVIII. Viste unha túnica e leva na man esquerda un libro pechado e unha escuadra, e na dereita, unha lanza que crava na boca do dragón que está baixo os seus pés representando ao demo. 
No muro sur había outro retablo dedicado á Virxe das Dores, que ardeu nos anos sesenta do século XX. No lado esquerdo do templo hai un Sagrado Corazón de Xesús, con túnica branca e manto vermello, de estilo ecléctico, datado a comezos do século XX. Á dereita, atópase a imaxe procesional de Monte Torán, barroca do século XVIII.
No exterior da igrexa, sobre a porta principal da fachada atópase unha escultura en pedra do patrón, santo Amedio. Porta un bastón que debería de ser un tridente e na man dereita, un obxecto que deberían de ser as súas tripas, como elementos iconográficos que o identifican. É unha escultura barroca do século XVIII, anónima.
No adro parroquial hai un reloxo de sol do ano 1800 e un cruceiro do século XVIII.


O banco do crego Abente

Eduardo Abente Chans, natural de Laxe e tío e padriño do poeta Eduardo Pondal Abente, foi párroco de Bamiro de 1830 a 1854. Sábese que tamén era poeta, coma o seu afillado. Proba da súa faceta literaria foi a cuarteta que a mediados do século XIX mandou gravar nun banco de pedra do igrexario, en letras capitais, que hoxe está totalmente abandonado e cuberto de silvas.

SENTADO AL SOL Y AL SERENO

AQUÍ ESTUVO EDUARDO ABENTE

FELIZ SEA ETERNAMENTE

EN OTRO ASIENTO MÁS BUENO









Bibliografía:


LEMA SUÁREZ, X.Mª (1993): A Arte Relixiosa na Terra de Soneira; t. II; Fundación Universitaria de Cultura; Santiago.

LEMA SUÁREZ, X.Mª (2000): “Artistas e talleres rurais nas Terras de Soneira e de Nemancos (séc. XVIII), en Actas do I Simposio de Historia da Costa da Morte (Baio e Zas 18, 19 e 20 de xuño de 1999), Asoc. Neria, Cee (pp. 175-205).

LEMA SUÁREZ, X. Mª (coord. e dir.) et alii (2010): A Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte; Edicións Xerais de Galicia, Vigo.


Bamiro - Vimianzo (A Coruña)

Praza do Concello, 6, Vimianzo (A Coruña) CP 15 129. Tfno: 981716001. Fax 981 716 650.

Concello de Vimianzo
Deputación provincial da Coruña