Patrimonio de Vimianzo
22 de novembro de 2017
Patrimonio de Vimianzo
Compartir:

CASTRO DAS BARREIRAS

Enderezo:

Vimianzo - Vimianzo (A Coruña)

O Castro das Barreiras é un xacemento de especial interese. Aprécianse claramente vestixios do foxo e unha potente muralla que nalgún punto supera os 8 metros de altura. Estas defensas non son habituais nos xacementos castrexos e demostran que este castro foi, no seu día, un poboado importante e que era, probablemente, aínda máis extenso do que se aprecia na actualidade.

O normal na construción dun castro era levantalo nun emprazamento de difícil acceso, coma o alto dun monte ou uns acantilados. En cambio, este castro está localizado en pleno val de Vimianzo para poder aproveitar as terras de cultivo e o dominio da zona. Ubícase a escasa distancia do casco urbano e á marxe da estrada comarcal 552. Para poder defenderse tivo que fortalecerse coas súas enormes barreiras.

A súa croa conta cunha superficie duns 4.000 metros cadrados. O eixe maior do recinto ovalado ten 110 metros e oriéntase de norte a sur, mentres o seu eixe menor é de 65 metros e vai de leste a oeste. Pertence a coñecida como II Idade do Ferro, entre os séculos II e I a.C..  

Despois de sucesivas limpezas, no ano 2010 fíxose a primeira prospección arqueolóxica cuns resultados espectaculares. Descubríronse restos de tres construcións circulares, en moi bo estado de conservación, o que fai pensar que é do mesmo estilo que A Cidá de Borneiro, no municipio veciño de Cabana de Bergantiños. Tamén se cre que o xacemento está cheo de vivendas da época. Ademais das construcións, na escavación atopáronse máis de 500 anacos de cerámica e pezas de ferro. 

Este castro está considerado polos expertos unha xoia dentro do noroeste peninsular. Está pendente a escavación total do xacemento. 
Arredor deste castro creáronse multitude de lendas ao longo dos anos, e unha das máis populares falaba da existencia dun túnel que conectaba o xacemento co castelo.  





CASTRO DAS BARREIRAS


Vimianzo - Vimianzo (A Coruña)

Praza do Concello, 6, Vimianzo (A Coruña) CP 15 129. Tfno: 981716001. Fax 981 716 650.

Concello de Vimianzo
Deputación provincial da Coruña