O Asalto ao Castelo de Vimianzo

  • Asalto ao Castelo de Vimianzo 2011

Historia do Asalto ao Castelo

Unha ponte con varios ollos. Tal vez esa imaxe explique mellor que as palabras a historia da nosa festa, mais por se non abonda remontémonos verba a verba 16 anos atrás no río do tempo.

Convén irmos paso a paso. Cando as inquedanzas son fortes e comúns por parte dun grupo de persoas xorden os movementos asociativos. Logo veñen as actuacións. O Asalto naceu como acto de rebeldía espontáneo por parte do grupo de rapazas e rapaces de AXVALSO, molestos polo trato que recibiran “dos que poden”. De xeito pacífico e alegre improvisaron unha meiga noite de protestas diante do Castelo.

Orgullosos da súa defensa –e ataque– foron máis alá e institucionalizaron o acto. Nace o Asalto. A falta de respaldo por parte “dos que pensan por e para todos” doulle aínda máis sentido aos inicios da festa: supuña unha reivindicación irmandiña e local ante o emblema da vila, as Torres de Martelo.

Co decorrer dos anos, o Asalto logra o seu asentamento, mais tamén o tempo chucha as enerxías das persoas que se moven nestes labores. As xeracións esgotan e tenden a man a outras mans solidarias e amigas. A.X.CHERINKAS, consciente do valor da festa e das xentes que a imaxinaron e a trouxeron ata o presente continúa desde o 2010 a traballar o Asalto.

Respectando o espírito orixinal e cunha vila xa rendida aos encantos e sentido da festa, preténdeselle dar pulo a novas manifestacións artísticas que se sumen ao repertorio clásico composto por teatro, música e gastronomía. Certo é tamén que edición a edición se intentan corrixir todos os problemas motivados pola maior afluencia de xente. En todo caso, é loita constante para intentar levar o Asalto nas mellores condicións ao futuro e atopar alí outras mans solidarias e amigas.

En suma, co Asalto asistimos a unha mirada no tempo: entre a historia irmandiña e nós, entre as pedras monumentais e nós, entre as xeracións e, por esta liña, entre nós e o futuro. Somos parte, entón, dunha ponte con varios ollos.

>>

Máis información en: