Primeiro simposio: O castelo de Vimianzo ao longo dos séculos


>> FORMULARIO DE INSCRICIÓN



A Casa da Cultura de Vimianzo acollerá o primeiro simposio sobre a historia do Castelo de Vimianzo durante os días 28 e 29 de setembro. 

Será a primeira vez que diferentes expertos investigadores poidan achegar diversas perspectivas e completar o relato histórico da fortaleza soneirá. 

O venres á tarde inaugúrase o simposio coa conferencia de Xosé María Lema Suárez, quen escribiu co finado Roberto Mouzo o primeiro e único libro monográfico sobre "O castelo de Vimianzo e os Moscoso de Altamira". 

O sábado, a xornada estruturase en diferentes bloques temáticos. A mañá céntrase no período medieval da fortaleza, con visita ao propio monumento e descuberta dos seus segredos. Na tarde falarase de memoria histórica, dos sucesos acontecidos en 1936 durante o período no que o castelo foi propiedade municipal trala expropiación e acto simbólico do goberno municipal republicano, e a posterior represión exercida polos franquistas. O terceiro bloque centrarase na xestión patrimonial, nas actividades actuais e proxectos de futuro para o castelo de Vimianzo. A xornada remata cunha velada nocturna no patio de armas gozando do fermoso espectáculo teatral e musical de Tero Rodríguez e o grupo musical Barahúnda, en memoria das vítimas do 36. 

O simposio complétase cunha exposición fotográfica do material achado no foso do castelo tras un derrubamento accidental do muro leste. Este ano depositáronse as pezas no museo arqueolóxico de San Antón da Coruña, e grazas á súa colaboración poderanse ver as reproducións da cerámica de luxo e común atopada, armas de ferro... 

Durante o simposio poderanse degustar diferentes produtos locais inspirados no castelo, desde as sobremesas até a gastronomía medieval posta en valor polo Concello de Vimianzo e recuperada para a hostalería. 

O simposio está aberto a todo tipo de público, desde estudantes, profesorado, a todo tipo de curioso sobre a historia medieval, a memoria histórica, a literatura do Rexurdimento ou a xestión patrimonial. A inscrición é gratuíta e xa se pode realizar a través da páxina web www.vimianzo.gal. Para máis información pódese chamar ao 981 716 001. 

O Centro de Formación e Recursos da Coruña certifica as horas de asistencia a este simposio para o profesorado. 

Descargas