Batáns e Muíños do Mosquetín

Estamos ante un interesante conxunto de gran valor natural e etnográfico. Trátase dos muíños e batáns construídos no río Grande no lugar do Mosquetín, e que aproveitan a forza da auga para moer o trigo e o millo e para bater as mantas de lá. Non coñecemos a súa data de construción, no entanto sabemos que a mediados do século XVIII xa estaban en pé, xa que aparecen mencionados no Catastro de Ensenada (1753).

Os batáns apareceron en Europa durante a Idade Media. Son construcións nas que por medio duns mecanismos denominados "folóns", baseados no aproveitamento da enerxía hidráulica, bátese no tecido até conseguir unha peza compacta que ofrece unha maior resistencia frente ao frío e chuvia.

O conxunto do Mosquetín componse de dous edificios. No que está máis perto do río temos só muíños e no outro hai muíños e batáns. Están construidos a unha altitude superior á do río que pasa a un lado, así que para o seu funcionamento foi preciso a construción dunha présa desde a que se canalizou a auga, que debía mover os rodicios e facer traballar as "manlles".

Tralo abandono do conxunto a finais dos sesenta e a súa ruína, asociacións veciñais e culturais de toda a comarca loitaron pola recuperación do conxunto. Foi finalmente a Deputación da Coruña quen, en 1997 emprendeu unha restauración dos edificios e da contorna que hoxe se pode considerar modélica. Actualmente os muíños e batáns son visitables e ademais é posible ver o seu funcionamento.

Visitas guiadas - Demostracións do funcionamento

Unha industria rural conservada á beira do río Grande do Porto. Á beleza da paisaxe na que se enmarca o conxunto, súmaselle a impresionante mostra de arquitectura tradicional. 

VISITAS GUIADAS
Horarios:
Outubro, novembro e decembro
Sábados, domingos e festivos: 11h e 16h


RESERVA DE VISITAS PARA GRUPOS:

Para ver en funcionamento muíños e batáns pódese solicitar unha visita guiada ao conxunto. Grupos de como mínimo 10 persoas. Entrada gratuíta.
Información e reservas: 981 716 001 (ext 1235).  turismo@vimianzo.gal

Horario (non fecha ningún día)

Inverno: de 11 a 18 horas
Semana Santa: de 11 a 19 horas
Verán (XUÑO - XULLO- AGOSTO E SETEMBRO): de 10 a 20 horas

Contacto

DESCARGAS

Poderá descargar folletos para ampliar información desde o apartado de DESCARGAS.

Como chegar

O Concello de Vimianzo conta co patrocinio da Deputación Provincial da Coruña para o desenvolvemento das actividades deste espazo.

www.osbatans.gal

Consulta toda a información sobre o conxunto etnográfico na web osbatans.gal